As contas non lle saen á planta de gas da ría de Ferrol

Planta de Gas fora da Ría
A PLANTA DE GAS DA RÍA DE FERROL NON ERA NECESARIA

Estimadas e estimados concidadáns e lectores:

As contas non lle saen á planta de gas da ría de Ferrol. A unha oposición veciñal numantina, varios procesos xudiciais pendentes e denuncias por corrupción, únese agora a desagradable realidade de que a planta de gas ten máis capacidade de regasificación que de evacuación.

O informe que se achega, recolle a actividade da planta de gas logo dun ano de funcionamento e non deixa ningunha dúbida de que as cifras manexadas para que a planta fose aprobada pola administración NON ERAN REAIS, pois:
  • Só se construíu un grupo de Ciclo Combinado en Sabón. (Eran catro os programados).

  • As industrias químicas do grupo Tojeiro non se materializaron.

  • Os dous grupos de Ciclo Combinado das Pontes apenas funcionan, debido a que é máis caro producir electricidade con gas natural que con carbón, e moito máis se o gas natural procede de plantas de licuefacción-regasificación, un mercado moi especulativo.
Tal como se aprecia no informe que se achega, se só temos en conta o consumo de Galicia (obxectivo único segundo a solicitude de instalación) a planta somente evacuou o 28,6 % do gas proxectado en todo o ano 2008, e segundo o boletín estatístico de Enagás, en febreiro do 2009 algo menos, a pesar das ondas de frío dese mes, xa que o cociente de utilización foi do 21,2 %. Se temos en conta o gas "exportado á meseta" este cociente foi do 33%.

Se a esta realidade engadímoslle a futura planta competidora de Xixón e a inminente posta en servizo do gasoduto MEDGAZ entre Orán (Alxeria) e Almería, a cousa porase moito peor para a regasificadora da ría.

Preguntámonos: Que razón existe para que a empresa solicite agora duplicar a súa capacidade de regasificación tendo estes cocientes de produción? Non sería conveniente que os poderes públicos aclarasen á cidadanía e contribuíntes este asunto tan pouco claro?

¡PLANTA DE GAS FORA DA RIA!

Envía www.f-cae.org Colectivo universitario opositor á Planta de Gas Licuado (GNL) da ría de Ferrol (Galicia)


ANEXO:

A PLANTA DE GAS DA RÍA DE FERROL NON ERA NECESARIA PARA GALICIA [Fundamento 7º]

Enviado por:
Ferrol CAPE
-ferrol.cape@gmail.com-
25 de março de 2009 08:50

__________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário